O PP presenta unha moción para atallar os problemas do minufundismo no rural de Ames
Ames, ó igual que outros moitos municipios galegos, padece unha gran fragmentación dos terreos forestais. É moi habitual que un mesmo propietario dispoña de varias parcelas pequenas. No caso de Ames hai quince procedementos de concentración parcelaria rematados que afectaron en total a 3.600 Hectáreas.
Nos últimos tempos os propietarios teñen a obriga de limpar as fincas forestais máis próximas a vivendas e camiños para intentar evitar o risco que poden supoñer os lumes. Os chamamentos, coa sombra dunha posible multa, non se poden atender en moitos casos xa que supoñen un esforzo económico pola singularidade das parcelas e a dificultade que entrañan estes traballos ó tratarse de fincas pequenas ás que non se pode acceder con maquinaria pesada. A maiores, e polo seu tamaño, son espazos que non se aproveitan como se debera ó non poder aplicar unha xestión forestal activa que garanta a rendibilidade e a protección dos terreos.