O Grupo Municipal Popular de Ames pide, por segunda vez, que se arranxe o deteriorado firme da zona onde, diariamente, para e cambian de sentido os autobuses que trasladan escolares ao CEIP de Barouta, un colexio de infantil e primaria cuxa matrícula este curso superou os trescentos alumnos.
A primeira solicitude levouse a cabo este pasado verán tras constatar os membros do propio Grupo Municipal o lamentable estado no que se atopaba o asfalto do tramo en cuestión. A solicitude realizouse mediante un rogo no correspondente Pleno Ordinario, recibindo verbalmente o visto e prace do Tripartito, quen manifestou, na voz do seu Concelleiro responsable, o seu desexo de arranxalo antes da apertura do novo curso escolar. Un arranxo que apenas durou até o primeiro trimestre do curso, tal e como volveron a constatar os populares nunha visita realizada no día de hoxe.
De pouco serviu a intervención realizada polo Goberno local, xa que o tramo afectado presenta un estado deplorable e continúa a deteriorarse. O firme está nunha situación lamentable, posiblemente a consecuencia da apropiada mestura asfáltica empregada para parchear, una mestura que empregou áridos de grande tamaño e que agora se atopan desprendidos. As fochancas cada vez son máis numerosas e grandes, polo que supón un considerable risco para a circulación e tránsito dos autobuses escolares, tal e como se aprecia nas fotos que se achegan.
É evidente que a intervención realizada, o Tripartito, en lugar de levar a cabo unha reparación en condicións do asfalto, limitouse a parchear algúns ocos; facéndoo de maneira precaria e sen garantías, polo que a intervención non durou moito e o asfalto volta a estar moi deteriorado. Situación agravada pola falta de limpeza e mantemento das cunetas e de sumidoiros de recollida de augas pluviais, os cales se atopan completamente obstruídos, tal e como se aprecia nunha das fotografías; polo que o auga, en lugar de ser evacuada, verte directamente sobre a zona e contribúe ao aumento das fochancas e ao desprendemento do firme.
As queixas ao respecto son reiteradas; por todo isto, o Grupo Municipal Popular volta a solicitar unha solución, solicitando, desta vez, a mellora integral do firme, e así solucionar unha vez por todas as múltiples e constantes dificultades coas que se atopa a diario o transporte escolar.