O Partido Popular de Ames denuncia que o Goberno local ocultou durante meses o estudo do novo aparcadoiro subterráneo público de pago do Milladoiro e critica unha política de feitos consumados nun proxecto que afectará directamente aos veciños e comerciantes.
Ames, 7 de setembro de 2026.– O Grupo Municipal do Partido Popular de Ames cualificou de
“inadmisible e profundamente antidemocrático”
o comportamento do Goberno local respecto ao proxecto do primeiro parking subterráneo público de pago no Milladoiro.
A formación popular denuncia que o executivo municipal
ocultou de forma deliberada toda a información do proxecto á oposición,
unha actitude de opacidade que tamén foi criticada publicamente por outras forzas políticas locais.
A portavoz do Partido Popular en Ames, Oliva Agra, revelou que o seu grupo se viu obrigado a presentar
ata doce reiteracións por rexistro oficial
para tentar conseguir unha copia do estudo de viabilidade, para finalmente decatarse pola prensa de que todo estaba feito.
“O Goberno adxudicou en maio de 2025 a redacción deste estudo á empresa Fisela SL cun prazo de execución de 9 meses. O contrato venceu en febreiro de 2026 e, dende entón, topámonos cun muro de silencio institucional.”
Agra cualifica a situación de “vergonza” e denuncia que o Goberno local vulnera sistematicamente o Regulamento Orgánico Municipal, que establece un prazo de cinco días naturais para responder ás solicitudes de información.
O PP de Ames sostén que esta falta de transparencia non afecta unicamente ás canles institucionais, senón que supón tamén
un desprezo directo aos veciños e comerciantes da rúa Pardiñeiros e ao conxunto da poboación do Milladoiro.
Segundo os populares, o Goberno local pretende abrir de forma inminente unha infraestrutura baixo tarifas reguladas
sen ter acordado a ordenanza fiscal, o regulamento de uso nin os prezos
cos colectivos afectados nin co resto da corporación municipal.
O Partido Popular tamén pon o foco no modelo de xestión da infraestrutura. O Concello aluga un espazo privado e implanta nel un servizo público cuxa posterior xestión e explotación das tarifas poderá realizarse mediante
unha concesión de servizos a unha empresa externa
ou mediante xestión directa regulada por unha ordenanza fiscal.
Os populares denuncian, ademais, que
se manteñen ocultas as condicións do arrendamento do espazo privado
no que se pretende implantar este novo servizo municipal.
“Estamos a favor de mellorar o aparcamento no noso municipio, pero non a través da política dos feitos consumados, os contratos ocultos e o escurantismo.”
Ante esta situación, o Partido Popular de Ames esixe
a comparecencia inmediata do alcalde ante o pleno
para que renda contas sobre o proxecto.
A formación reclama tamén a entrega inmediata de toda a documentación retida e unha explicación clara sobre
os criterios, condicións e acordos cos que se pretende xestionar este novo servizo de pago, que afectará directamente ao peto dos veciños do Milladoiro.
“O que non pode facer o Goberno local é pedir confianza aos veciños mentres lles oculta a información dun servizo polo que terán que pagar.”