Ames, a 31 de outubro de 2020
Nin control nin supervisión, ese é o resumo da actuación do goberno tripartito de Ames que, a pesar de ser o que conta con máis dedicacións exclusivas e co alcalde mellor pagado da contorna, incumpre as súas obrigas e prexudica á veciñanza.
O Grupo Popular xa preguntara hai meses sobre este tema ao Goberno, limitándose a responder que “non había ningunha queixa oficial, o que verían ben para abrir un expediente informativo”, agora as queixas son numerosas e a indignación da veciñanza vai en aumento a medida de que se van decatando dos importes xirados no recibo do chamado Ciclo Integral da Auga, sobre todo porque é a Administración Local a que ten o deber de supervisar e controlar o correcto funcionamento dos servizos públicos.
Chama a atención de que foi o propio Alcalde de Ames quen firmou o decreto 894/2020 de 17 de maio do 2020, no que se aprobaba , dada a declaración do Estado de Alarma pola crise da sanitaria da COVID-19, unha serie de medidas extraordinarias en materia de consumos facturables, contemplándose que as lecturas dos contadores realizaríanse mediante unha estimación durante o primeiro trimestre e durante aqueles períodos nos que se alongara o Estado de Alarma. O decreto en cuestión firmado polo Alcalde de Ames e incumprido di:
A facturación do consumo que é estimado efectuarase consonte ao consumo realizado durante o mesmo período de tempo e na mesma época do ano anterior; de non existir, liquidaranse as facturacións segundo a media aritmética dos seis meses anteriores.
Naqueles casos nos que non existan datos históricos para poder obter a media á que se alude no antedito parágrafo, os consumos determinaranse baseándose na media que se obteña en función dos consumos coñecidos de períodos precedentes, de non existir ningún dato, facturarase un consumo trimestral de 18 m3”.
O 5 de maio do 2020, a empresa concesionaria procede a elaborar e comunicar ao Concello a relación de usuarios do primeiro trimestre cun padrón total de 15.380 aboados ao servizo de subministro da auga, ata aquí, a actuación da empresa concesionaria é correcta, a cuestión xurde cando o Goberno Tripartito leva a cabo umha clara omisión das súas funcións a pesar de que se establecera o cobro mediante o sistema de estimación decretado polo propio Alcalde, que asina o padrón aprobando, e o xiro destes recibos (un número considerable que a data de hoxe aínda non se sabe con exactitude cantos), que non se factura segundo os criterios aprobados no Decreto de Alcaldía 894/2020, de 17 de maio de 2020, chegándose incluso a consentir a non realización de estimación algunha e cobrándose un consumo de cero metros cúbicos de auga, polo que resulta improbable que poida considerarse unha lectura real do contador, xustificación que dan dende o Goberno de Ames. Así aconteceu, por exemplo, que a un usuario emíteselle un recibo correspondente ao primeiro trimestre con un consumo de cero metros cúbicos e un importe a pagar de 51,40 euros.
Poñendo o exemplo real anterior, cando se realiza a lectura, obtense un consumo de 136 metros cúbicos de auga, como no primeiro trimestre cobráronlles un consumo de cero metros cúbicos, agora a factura é de 136 metros cúbicos, isto supón o salto a outro tramo, aplicándoselle UNHA PENALIZACIÓN POR CONSUMO, tal e como establece a Ordenanza que o tripartito sacara adiante cos votos en contra do Partido Popular. En consecuencia, os primeiros 33 metros cúbicos factúranse no primeiro tramo, os 30 metros cúbicos seguintes no tramo segundo, os 57 metros cúbicos seguintes no terceiro tramo e os últimos 16 metros cúbicos no cuarto tramo.
Como o prezo do metro cúbico de auga facturado no cuarto tramo é un 138% máis caro que o segundo tramo (o de consumo máis habitual), o importe da factura deste exemplo real de abonado “tipo” aumenta aos 240,88 euros, que, sumados aos 51,40 euros pagado no primeiro trimestre, fan un total de 292,28 euros.
Un sistema extremadamente complexo para a veciñanza que está provocando numerosas reclamacións, o que motivou un novo Decreto de Alcaldía, o 2446/2020 de 20 de outubro no que se decreta:
“Descontar no recibo do servizo municipal da auga correspondente ao terceiro trimestre do ano 2020, aqueles importes que resulten a favor do abonado como consecuencia de realizar no primeiro trimestre do ano 2020 unha estimación de consumo diferente a aprobada no Decreto de alcaldía 894/2020 de 17 de maio de 2020.
Este decreto é o que demostra a omisión de funcións que o PP de Ames denuncia, xunto coa desidia dun alcalde que autoriza uns cobros que van en contra do que el decidíu, e logo ten que autorectificarse emendar o seu propio erro.
Non é admisible que sexa a veciñanza que teñan que vixiar a correcta aplicación dun procedemento complexo e no que os cambios de tramo supoñen grandes subas na factura, por iso, ante esta situación, o Grupo Municipal Popular pon a partir do día 2 de novembro o teléfono 981377668 a disposición da veciñanza para resolver calquera dúbida en horario de oficina de 09:00 a 14:00 horas.
© Grupo Municipal Popular de Ames 2018 - Diseño web Chia na rede