O Partido Popular de Ames, no que encabeza a candidatura Ramón García Argibay, comezaba o pasado sábado o seu percorrido polas parroquias do rural amesá.
Nas dúas primeiras visitas que tiveron lugar, Lens e Covas; marcábase o compromiso de destinar os 7.400.000€ do Plan de Obras se Servizos para por en valor o rural de Ames. Unha cantidade que sería destinada ao mantemento das vías públicas, para a implantación da rede de saneamento e abastecemento de auga potable, así como para a mellora no alumeado público.
Desta forma, os populares, que foron recollendo ao longo destes catro anos as propostas por parte da veciñanza, plasmáronas no seu programa electoral. Iso si, todas elas explicando con que recursos se van levar a cabo, xa que como ben afirmaba o propio Argibay “non podemos prometer o que non sabemos como imos a pagar. Neste caso traemos propostas serias e firmes, pero tamén queremos explicar os recursos que imos empregar para poñelas en marcha”.
Desta forma, lembrou que no ano 2012, cando gobernou o Partido Popular, xa se levara a cabo esta proposta e, daquela, o rural obtivo un impulso que no ano 2015, co cambio de goberno, voltou a perder.
Hoxe, os membros da candidatura manterán un encontro coa veciñanza de Piñeiro a Tapia, ás 20 e 21.30 horas respectivamente. Será o mércores cando se reúnan cos veciños de Trasmonte e o xoves cos da Ameixenda. Ambas ás 21 horas no seu local social.