Ames, 16 de decembre 2020
Tradicionalmente os gobernos socialistas de Ames non brillan pola súa capacidade de xestión, máis ben todo o contrario, e este tripartito non é unha excepción, ademais de ser ineficaces, intentan ocultar a realidade e “agochan” as sentencias que non son favorables.
Hai que remontarse 15 anos atrás cando xurdiron as deficiencias na urbanización situada no Milladoiro denominada PM5-03, que conta con 200 vivendas, emprazadas entre as rúas Figueiras e da Moa e entre a Avenida de Rosalía de Castro e a Rua Costa Grande. Deficiencias que apareceron no momento que a empresa promotora solicitou no ano 2005 a recepción dunhas obras que non foran executadas segundo o establecido no proxecto e polo que se requiriu a empresa a emendalas.
A pesares de que a empresa executou determinadas obras, continuaron sen adaptarse ao proxecto, polo que o Concello decidiu incautar os avais por valor de 530.000 €, tal e como anunciara o goberno local na Web municipal.
Senllos informes técnicos de 2006 e 2009 puxeran de manifesto as deficiencias na execución do proxecto de cara a recepción das obras pola parte da Administración Local, e a principios de 2011, cun goberno tamén socialista, presentouse un proxecto de reparación cun importe de 29.928,01€.
Como se denunciara daquela polo PP de Ames, o proxecto era insuficiente para emendar todas as deficiencias e foi preciso esperar ata setembro de 2017 para que o Pleno da Corporación aprobase un novo proxecto que se adxudicou en maio de 2018 por 231.665,93€. Neste momento o goberno segue falando da incautación de avais, pero agora, por un valor de 356.818,30€.
Dáse a circunstancia que o goberno tripartito en ningún momento informa de que nesas datas xa se estaba coñecendo no Xulgado do Contencioso Administrativo nº 2 de Santiago o recurso contencioso-administrativo seguido polo procedemento ordinario nº 125/17 que remataría con sentenza 24 de abril de 2019, pola que se condena ao Concello de Ames á devolución dos importes indebidamente ingresados na execución dos avais, xunto cos intereses derivados ata a súa efectiva devolución, impoñendo tamén as costas.
O recurso de Apelación é desestimado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmando a sentenza do Contencioso Administrativo de Santiago de Compostela e procedendo a imposición de costas ao Concello de Ames.
O Goberno de Ames, unha vez máis, ocultou esta cuestión e dende a oposición tívose coñecemento a raíz da aprobación do pasado pleno ordinario de Novembro do suplemento de crédito 3/2020 por un valor superior ao millón cen mil euros, importe financiado con cargo ao Remanente e Tesouraría. Neste suplemento recóllese un total de 87.719,84 € para facer fronte ao importe de execución desta obra pola devolución dos avais incautados en virtude da sentencia ditada xunto coa partida de 10.079, 37 € en concepto de intereses derivados dos avais incautados.
Unha situación que mostra á deriva dun goberno tripartito, que conta con máis dedicacións exclusivas e cos salarios máis altos da historia, incapaz de xestionar un concello da entidade de Ames. Un goberno que decide que asuntos son susceptibles de publicar en función de si é favorable ou non aos seus intereses intentando agochar as súas carencias, todo un “alarde” de transparencia.
© Grupo Municipal Popular de Ames 2018 - Diseño web Chia na rede