Oliva Agra reclama un estudo técnico integral e criterios urbanísticos específicos para ordenar a instalación destas infraestruturas no municipio e compatibilizar o despregamento das redes coa protección da paisaxe.
Ames, 9 de setembro de 2026.– O Grupo Municipal do Partido Popular de Ames presentou unha moción, que se debaterá este xoves, para impulsar a regulación das antenas e infraestruturas de telecomunicacións no municipio.
O obxectivo da iniciativa é compatibilizar o necesario despregamento das redes coa protección da paisaxe e garantir unha adecuada integración destas instalacións na contorna.
A proposta do Partido Popular pide establecer criterios urbanísticos e ambientais específicos que permitan determinar tanto a localización como as características das antenas e demais infraestruturas de telecomunicacións.
O PP considera que esta regulación resulta especialmente necesaria nas
zonas de maior sensibilidade paisaxística e nas proximidades dos núcleos residenciais.
Os populares propoñen tomar como referencia experiencias desenvolvidas noutros concellos galegos, como
A Coruña, así como aplicar a normativa autonómica de protección do territorio e as recomendacións do Instituto de Estudos do Territorio.
Entre as medidas formuladas figura favorecer a
integración paisaxística das antenas mediante solucións construtivas e materiais adecuados á contorna.
A moción tamén propón promover o uso compartido das infraestruturas xa existentes, co obxectivo de evitar a proliferación innecesaria de novas torres e minimizar o seu impacto visual no territorio.
“O despregamento tecnolóxico e a mellora das redes non poden traducirse nunha degradación visual e descontrolada da nosa contorna”.
A portavoz do Partido Popular de Ames, Oliva Agra, defende que o municipio avance cara a un modelo de crecemento tecnolóxico
“ordenado, equilibrado e respectuoso coa paisaxe e cos núcleos rurais”.
Para os populares, a mellora da cobertura e das redes de telecomunicacións debe ser compatible coa preservación da identidade paisaxística de Ames e cunha planificación que evite instalacións desordenadas ou innecesarias.