Ames, 20 de xaneiro de 2021.
O pasado 15 de xaneiro o Grupo Municipal Popular rexistraba unha proposta plenaria co fin de restituír a liña P2 de Santiago a Ortoño, a proposta, agora censurada polo alcalde, foi presentada en tempo e forma, pasou pola Xunta de Voceiros e de ser aprobada na sesión plenaria do vindeiro xoves 28 daría luz verde á restitución da liña P2 entre Santiago e Ortoño e vía libre para buscar melloras tanto no trazado como nas paradas.
Tanto Santiago de Compostela como a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade deixaron claro por activa e por pasiva que a restitución da liña pasa pola firma dun convenio entre o concello de Santiago de Compostela e o de Ames, tal e como declararon publicamente ambas administracións, de feito, o alcalde Bugallo, dixo textualmente que “estaría dispuesto a dialogar y colaborar» estimando o custe para Ames no entorno de 80.000 €.
De igual xeito, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, tamén saíu publicamente o 13 de xaneiro para recordarlle ao alcalde José Miñones, con meridiana claridade o textual. “LEMBRA QUE O CONCELLO DE AMES DEBE ACADAR UN ACORDO CO CONCELLO DE SANTIAGO PARA GARANTIR OS SERVIZOS DE AUTOBÚS URBANO AOS VECIÑOS DA PARROQUIA DE ORTOÑO”.
A Consellería mostrou a súa mellor disposición para poñer os “medios técnicos e administrativos” a disposición de ambos concello para solucionar esta cuestión no menor tempo posible pero o alcalde de Ames, paradoxicamente, non está mostrando o interese que merece a cuestión.
A proposta facilitaría atopar unha solución similar ao caso da liña que une Santiago cos Tilos, no veciño concello de Teo ou noutras áreas metropolitanas de Galicia como entre A Coruña e Oleiros para chegar a Santa Cristina. Ademais contase coa vantaxe de que non hai que compensar nin indemnizar a ningunha empresa ou operador porque non ten ninguén esa ruta asignada.
En menos dun mes o alcalde de Ames censurou dúas iniciativas presentadas polo Partido Popular, a solicitude dun pleno extroaordinario que pretendía baixar un paquete de máis de 10 impostos e taxas como o IBI ou o relacionado co ciclo integral da auga, a limpeza viaria, etc. E agora a proposta para a restitución da liña de Ortoño, un modo moi particular de “beneficiar” á veciñanza.
Dáse a circunstancia de que o Concello de Ames pode costear perfectamente esta liña porque ten un remanente de tesouraría de 8.313.233,75 €, tal e como consta no informe conxunto de Intervención e Secretaría de data 5 de outubro do ano 2020, no que se informaba favorablemente para que o concello puidera afrontar gastos diversos.
En definitiva, a solución é fácil administrativamente falando e viable dende o punto de vista económico, simplemente pasa pola negociación entre o Concello de Ames e o concello de Santiago.
Esperemos que o alcalde no estea utilizando esta censura co obxecto de que se esqueza e, máis adiante, atribuírse o mérito tal e como fixo con outras moitas ocasións como por exemplo co Centro de Saúde do Milladoiro ou cos terreos que se cederon a Xunta de Galicia para a construción do novo CEIP do Milladoiro, terreos que foran xestionados polo PP no ano 2012 e que a “axilidade” do alcalde socialista tivo durmindo o soño dos xustos case seis anos ata que a Consellería de Educación reclamoullos par poder iniciar os trámites da construción da infraestrutura educativa.
© Grupo Municipal Popular de Ames 2018 - Diseño web Chia na rede