Ames, a 23 de febreiro de 2021
Fai uns días o PP de Ames denunciaba publicamente que o goberno abusa constantemente da contratación a dedo e do fraccionamento de contratos. Unha vez rematado o prazo de presentación da Conta Xeral do ano 2019 e que será levada ao pleno extraordinario que se celebrará maña día 24, o Grupo Municipal do PP tivo acceso aos 257 informes de reparos emitidos desde a Intervención, informes que deixan en evidencia ao goberno tripartito e máis en concreto ao seu máximo responsable, o socialista José Miñones, que é quen levanta por decreto os efectos suspensivos dos informes que se emiten dende a intervención.
Cada día hábil o rexedor socialista recibe máis dun informe de reparo dende a intervención municipal, o que indica cando menos, que a súa xestión está chea de accións deficientes e que a se sustenta no incumprimento das normas.
Chama a atención como a falta de transparencia é unha constante no seu mandato, ata o punto que organizacións non gubernamentais como CIVIO, fanse eco e poñen a Ames como exemplo do que non hai que facer. Un goberno que presumía e prometía todo o contrario do que fai no que a intervención municipal deixa en evidencia constantemente as súas eivas, entre as que cabe sinalar unha das máis graves, a “omisión de licitación pública”, característica que indica o grado de caciquismo instalado no concello de Ames.
O informe de intervención é demoledor neste sentido e afirma categoricamente que:
“A maior parte das eivas advertidas a través dos informes de fiscalización emitidos no período considerado teñen que ver ca realización de gastos sen contar ca preceptiva cobertura contractual, o que implica tamén a omisión da licitación pública que necesariamente debe preceder á formalización dos contratos tanto administrativos como privados subscritos polo Concello”.
No mesmo informe sinalase a reiterada vulneración do artigo 118 LCSP, ”contratos privados sen expediente de licitación, certificacións de obras con omisión de documentación perceptiva, etc. Destacando desde intervención que as “irregularidades advertidas a través dos informes indicados, veñen sendo reproducidas de xeito continuado todos os meses”.
Esta situación, definida claramente dende a intervención, mostra un goberno irrespectuoso coas normas; frases e advertencias reiteradas que figuran no informe de intervención tales como “...reproducidas de xeito continuado todos os meses” indican claramente que estamos ante un goberno esgotado e instalado no caciquismo apoiado polos nacionalistas do BNG, corresponsables na área de Educación e Cultura, e dos podemitas, responsables da área económica e colaboradores necesarios.