O Grupo Municipal Popular pide ao goberno local que adopte de inmediato unha solución transitoria que evite calquera interrupción no funcionamento das instalacións deportivas da Telleira e ofreza seguridade tanto ás persoas usuarias como aos traballadores do servizo.
O Partido Popular de Ames presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno municipal na que insta ao executivo local a garantir a continuidade do servizo deportivo que se presta nas instalacións municipais da Telleira, ante a proximidade do remate da actual concesión.
A concesión vixente foi adxudicada no ano 2006 e, desde entón, acumulou catro prórrogas sucesivas. A última delas finalizará o vindeiro 9 de setembro de 2026, polo que resulta imprescindible adoptar medidas que permitan manter a actividade deportiva mentres se tramita a futura concesión das instalacións.
Desde o PP de Ames lembran que a Telleira leva preto de dúas décadas prestando servizo á veciñanza, consolidándose como unha infraestrutura deportiva de referencia no municipio e desempeñando un papel fundamental na práctica deportiva, na conciliación familiar e na vida social de centos de persoas.
Os populares advirten de que a preparación da futura concesión require informes técnicos, económicos e administrativos complexos, ademais da elaboración dos pregos e da correspondente tramitación contractual. Por este motivo, consideran necesario actuar con previsión para evitar que os prazos administrativos poidan xerar situacións de incerteza.
"É fundamental que os usuarios teñan a certeza de que o servizo non se vai interromper nin un só día. A poucos meses do remate da actual prórroga, é necesario ofrecer garantías e planificar con responsabilidade a transición cara ao futuro modelo de xestión."
A iniciativa presentada polos populares solicita que o Concello inicie de inmediato os trámites necesarios para licitar un contrato ponte específico e temporal, ou adopte a fórmula legal máis axeitada, co obxectivo de asegurar a continuidade do servizo deportivo da Telleira ata a resolución definitiva da futura concesión.
Ademais, a moción propón habilitar espazos de diálogo e participación cos usuarios, entidades afectadas e traballadores vinculados ao servizo para informar sobre a evolución do proceso e sobre o futuro modelo deportivo municipal.
Desde o Partido Popular de Ames consideran que a prioridade debe ser preservar a estabilidade dun servizo público esencial, ofrecendo seguridade ás persoas usuarias e evitando que posibles atrasos administrativos poidan traducirse en prexuízos para a veciñanza.