A iniciativa, trasladada tras unha xuntanza coa veciñanza de Piñeiro, busca mellorar a seguridade viaria nun tramo da AC-453 e facilitar un tránsito peonil seguro entre ambas aldeas.
Ames, 21 de abril de 2026. O PP de Ames continúa coa súa rolda de reunións coa veciñanza parroquia a parroquia, unha iniciativa coa que a formación pretende coñecer de primeira man os problemas do rural e trasladalos ao pleno municipal.
Despois das visitas a Lens, Trasmonte, Biduído, Tapia e Piñeiro, os populares teñen prevista unha nova cita na casa agraria de Bugallido o vindeiro martes 28 de abril, mentres que no mes de maio será a quenda de Ortoño.
Unha das principais preocupacións recollidas nestes encontros é a seguridade viaria en Ames, unha cuestión clave para garantir a protección das persoas usuarias das vías públicas, especialmente no ámbito rural, onde a convivencia entre vehículos e peóns presenta máis dificultades.
Neste contexto, o PP de Ames pon en valor as actuacións que a Xunta de Galicia vén impulsando nos últimos tempos en materia de conservación e mellora das estradas autonómicas que afectan ao concello e á súa contorna.
Entre elas figura o avance no estudo para a mellora da seguridade viaria na estrada AC-544 ao seu paso por Ames, co obxectivo de analizar medidas que permitan reducir a sinistralidade e mellorar as condicións de circulación.
Do mesmo xeito, tamén se teñen desenvolvido actuacións na estrada AC-453, no tramo Roxos-Portomouro, tanto no ámbito da planificación como mediante obras de mellora do firme, evidenciando unha aposta decidida pola modernización e pola seguridade da rede viaria autonómica ao seu paso polo municipio.
Estas actuacións responden ás demandas da veciñanza e da administración local, e supoñen un exemplo de colaboración institucional orientada a mellorar a calidade de vida no rural. Porén, seguen existindo puntos nos que é necesario avanzar, sobre todo no relativo á seguridade dos peóns nas vías interurbanas.
Na última xuntanza coa veciñanza de Piñeiro, os membros do PP de Ames recibiron a petición de actuar no tramo da estrada autonómica AC-453 que comunica as aldeas de Villaverde e Balindo, onde na actualidade non existe unha infraestrutura específica que garanta un tránsito peonil seguro.
Esta situación obriga ás persoas que se desprazan a pé a circular pola propia calzada, co conseguinte risco para a súa seguridade, especialmente nunha contorna rural na que os desprazamentos a pé son habituais.
“A execución dunha senda peonil entre Villaverde e Balindo permitiría mellorar a seguridade viaria, favorecer a mobilidade e dar resposta a unha demanda real da veciñanza de Piñeiro”.
Por este motivo, o PP de Ames trasladará ao pleno municipal unha iniciativa para instar á Xunta de Galicia a estudar e impulsar a construción dunha senda peonil no tramo da AC-453 entre Villaverde e Balindo, na parroquia de Piñeiro.
A proposta tamén recolle a solicitude de que esta actuación se inclúa na planificación de melloras da rede viaria autonómica, en continuidade coas intervencións xa realizadas nesta mesma estrada.
Ademais, o acordo prevé dar traslado desta petición á consellería competente en materia de infraestruturas e mobilidade, co obxectivo de avanzar nunha solución real para este punto do municipio de Ames.
Con esta iniciativa, o PP de Ames busca reforzar a seguridade viaria en Piñeiro, mellorar a mobilidade peonil no rural e atender unha reivindicación histórica da veciñanza. A creación desta senda peonil entre Villaverde e Balindo permitiría reducir riscos, conectar de forma máis segura ambas aldeas e mellorar a calidade de vida da zona.