Segundo o último barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas, un de cada tres cidadáns considera que a situación económico será peor de aquí nun ano; e unha porcentaxe, o 33%, que se situará ao mesmo nivel que no período 2008-2013.
A realidade é que xa comeza a entreverse unha desaceleración na economía do conxunto do país, así, a cifra do paro deste pasado mes de agosto, foi a peor dos últimos 9 anos. Tamén entrou en recesión a industria, por primeira vez dende 2013; e o gasto comeza a ser motivo de preocupación. Un gasto que parece non preocupar ao goberno socialista de Ames, a pesar de que dende hai tempo os diferentes informes de intervención municipal están alertando sobre o mesmo.
Tal e como indica a información sobre a execución do orzamento municipal do ano 2018, o Concello de Ames non cumpriu co principio da regra de gasto: un mecanismo que serve para controlar o equilibrio das finanzas municipais e que ten como principal obxectivo manter o gasto dentro das marxes dos ingresos habituais. Desta forma, anque os ingresos se incrementen excepcionalmente nun período expansión económica, o gasto non se pode incrementar na mesma contía ao non ser os ingresos habituais, senón excepcionais. Ese exceso de ingresos acumúlase así, con vistas a períodos de recesión como o que se está a anunciar.
Ames non cumpriu coa regra de gasto no pasado ano 2018, e non está a cumprila no que levamos de 2019; polo que nada parece indicar que vaia rematar este ano cumprindo; segundo manifestou a intervención municipal nos últimos informes emitidos.
E mentres a veciñanza de Ames volta estar preocupada por un futuro incerto, os socialistas de Ames miran cara outro lado e continúan inmersos nun ciclo de gasto descontrolado; xerando gastos sen a correspondente consignación orzamentaria; non contando, por tanto, co seu correspondente e necesario respaldo orzamentario.
Algo, que para os Populares resulta incomprensible, xa que o Concello dispón dun orzamento de máis de 25 millóns euros, que os socialistas non son capaces de executar, como xa demostraron o pasado ano 2018. Un feito que provoca que as Concellerías realicen gastos sen ter a citada consignación orzamentaria e, polo tanto, “boten a man” ao remanente líquido de tesourería, do que este ano xa empregaron máis de 700.000 euros.
Asemade, o Concello de Ames, nin conta cun plan económico-financeiro no que se recollan acordos de non dispoñibilidade de determinados créditos, así como outras medidas de contención do gasto que garantan o cumprimento da regra de gasto; nin foron quen de adoptar medida algunha de contención que permita que a 31 de decembro se cumpra coa citada regra de gasto.
Pero toda esta mala práctica respecto á falta de planificación e previsión, non solo afecta ao incumprimento da regra de gasto, senón que tamén afecta negativamente ao principio de estabilidade orzamentaria. De continuar o goberno socialista por esta senda, o presente exercicio, 2019, pecharase sen estabilidade orzamentaria en Ames.