O pasado xoves, tiña lugar no Concello de Ames o Pleno Municipal ordinario do mes de setembro. Pese a que a orde do día contaba con tan só 6 puntos, a maioría deles con escaso contido, o Goberno encabezado polo señor Miñones, acudía coa prepotencia que lles caracteriza dende o inicio deste novo mandato.
Logo de ser aprobadas por unanimidade do Pleno, tanto a adhesión central de contratación da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), e da aprobación do proxecto de modificación para a accesibilidade universal en edificios públicos; chegou o quinto punto da orde do día. Aínda que “a priori” tan só se trataba dun suplemento de crédito para o Coworking municipal, que estará ubicado no Milladoiro, o voceiro popular, Ramón García Argibay, manifestaba a abstención do seu grupo, argumentando que houbo información que o Alcalde Miñones non trasladou, ou ocultou ao resto dos grupos políticos.
Un asunto que ten a súa orixe na adquisición do local que albergará o citado Coworking, que sembra dúbidas ao ter pasado de ser unha adquisición directa a unha licitación. Un feito que deixa patente un cambio de criterio “estrañamente considerable e con lagoas” como ben afirmaba Argibay. Asemade, o voceiro cuestionou o motivo polo que antes de firmar a adquisición do propio local, xa se soubera o prezo e tamaño do local ubicado no Polígono “Novo Milladoiro”.
Pola súa banda, a Concelleira “podemita” Delegada de Economía, empregaba a súa intervención para atacar con prepotencia ao voceiro dos populares, falando de “confabulacións” e chegando a faltar ao respecto dos Concelleiros, tachándoos de “estar rabiosos”.
Unha “rabia”, que ao entender do Grupo Municipal Popular, non deixa de ser o interese polas xestións do Goberno, na súa labor de fiscalización da actividade municipal.
Miñones, en cambio, optou por entrar a escena empregando o seu “minuto de gloria”, ao que tanto recorre ultimamente tal e como indica o Regulamento do Pleno, do que onte quedou patente que só el pode facer uso, privando e vetando aos demais grupos das réplicas que lle corresponden.
Pero o Alcalde socialista, lonxe de aclarar a cronoloxía da adquisición da propiedade destinada ao Coworking, optou por sacar a súa prepotencia, que non só lle durou o “minuto de gloria” que lle corresponde, senón que lle durou case catro minutos, incumprindo claramente un Regulamento que vén usando fai meses ao seu antollo; e cargaba contra a oposición incluso remontándose a Concelleiros anteriores (non presentes no Pleno) do Partido Popular nun ton pouco apropiado para un Alcalde. Unha intervención que, ademais, deixou de manifesto que non houbo aclaración á falta de información e documentación, demostrando que ante o “ocultismo” só lle quedaba empregar a súa condición de Alcalde para atacar sen medida á oposición.
Superado o punto anterior, e no apartado de rogos e preguntas, os Concelleiros do Grupo Municipal Popular, na súa labor trasladar no salón de Plenos as inquedanzas da veciñanza, preocupáronse polo modelo de xestión do Cemiterio dos Batáns; pola inseguridade e risco que está a xerar un poste de media tensión caído na entrada á estrada de O Instrumento, e que leva semanas nesa situación; a necesidade de que o Concello esixa a limpeza das fincas cheas de maleza que, neste caso están a xerar riscos ás vivendas colindantes en Caroubáns; e, por último, a solicitude de que o goberno se preocupe pola limpeza e substitución dos materiais empregados nas actividades deportivas do Concello.
Xa por último, logo dunha reunión do Grupo Municipal Popular coa ANPA da escola infantil “A Galiña Azul” de Bertamiráns, aproveitaron para solicitar que se levara a cabo un control da colonia de gatos que se atopa a carón do parque da escola, xa que afectan ao lecer dos nenos e nenas, así como poden xerar un problema de salubridade ao descoñecer o estado no que se atopan. Un asunto ao que, o Concelleiro socialista do ramo, deu carpetazo indicando que non se tomarían medidas, posto que ao seu entender, a colonia de gatos non ten por que afectar á escola e entende que se ten que xerar unha convivencia entre ambos. Neste orde de solicitudes para a escola infantil, aproveitouse para advertir da necesidade de colocar un toldo que serva para protexer aos bebés os días de sol.