Os Populares de Ames acertan o prognostico sobre a licitación para a adquisición dun inmoble destinado a Coworking. UN SÓ LOCAL OFERTADO E O 100% DA PUNTUACIÓN
O pasado 15 de outubro, tivo lugar no Concello de Ames un Pleno Extraordinario a solicitude do Grupo Municipal Popular. O motivo era, por unha banda, coñecer de primeira man o estado do procedemento de adquisición do inmoble destinado a uso como espazo colaborativo (Coworking) e, por outra banda, para someter a votación a anulación inmediata do procedemento para garantir a igualdade, non discriminación, obxectividade, transparencia e libre competencia e concorrencia dos posibles candidatos.
A pesar de que os Populares sempre se posicionaron a favor do proxecto, o único obxectivo que manifestaron foi velar pola seguridade do proceso que contaba cun importe máximo de 5814.465,56 euros, dos cales, 200.000 son aportados pola Deputación e o resto polo Concello de Ames.
Todo comezou cando o Alcalde Miñones, sen información previa aos grupos da oposición, acudía a visitar o local que finalmente albergará o espazo Coworking xa no ano 2018. Unha vez feitas as fotografías do señor Miñones, que non dubidou en promocionar tanto nas súas redes sociais como nas do consistorio amesán, levou a Xunta de Goberno Local a aprobación para a adquisición directa do local, especificando incluso o prezo e forma de pago.
Despois deste feito, canto menos curioso, ao ter en conta que a Deputación devolveu ata en 5 ocasións o expediente ao goberno socialista, José Miñones optou por desoír á Deputación e continuou co proceso. Foi por este motivo, que no citado Pleno, o voceiro Popular, ante á falta de información por parte do Concello, admitía que pedira o expediente á propia Deputación da Coruña; un expediente que presentou con datas e datos concretos, entre elas o 22 de febreiro de 2019, no que se afirmaba: “reafirmándonos nas reiteradas ocasións, na necesidade de que o procedemento a seguir para a adquisición do ben inmoble (…) se inspire nos principios de igualdade e non discriminación, publicidade, transparencia e concorrencia que establece a Lei de Contratos do Sector Público…”.
Con este feito, o goberno Socialista non tivo máis remedio que sacar a concurso público a adquisición do propio local, iso si, demostrando a súa ineficiencia ao manter os dous procedementos abertos xa que a Xunta de Goberno, nesta ocasión, non se apresurou tanto para reunirse e realizar o desestimento da adxudicación directa.
Pero os concelleiros do Partido Popular incluso foron máis aló naquel Pleno, e non dubidaron en advertir sobre quen sería o gañador do concurso público. Unha advertencia que viña motivada polos pregos “chirriantes” que o goberno elaborara. Algunhas cláusulas eran, canto menos curiosas, e citaban, entre outras: os 20 puntos sobre 100 en canto ao factor prezo; a puntuación respecto da distancia do local á parada de transporte Metropolitano, en tramos de 50 e 100 metros que son“irrisorios”, posto que non é unha distancia significativa; e outros como o feito de que o local tivese 10 metros de fachada ao exterior. Uns criterios que incluso chegaban a agravarse máis premiando a redución no prazo de entrega do local en 15 días, cando o alcalde socialista xa visitara as obras un ano antes.
Con todo isto, e chegada a votación no salón de plenos, os Socialistas xunto aos seus socios “podemitas” e “nacionalistas” votaron en contra da solicitude dos Populares para anular inmediatamente o procedemento; por este motivo continuouse co concurso público e cos pregos anteriormente indicados.
Dous meses despois daquel pleno, e un ano despois das fotografías do señor Miñones visitando as obras do local, o pasado luns, 9 de novembro reuníase a mesa de contratación, presidida polo alcalde socialista, na que se procedía ao cálculo da puntuación total correspondente á oferta formulada.
Finalmente, ante a puntuación obtida, a Mesa de Contratación acordaba por unanimidade trasladar ao órgano de contratación (Xunta de Goberno Local) a proposta de adxudicación. Deste modo, os Socialistas contan con vía libre para adquirir o local que previamente pretendeu obter por adxudicación directa e o cal o seu líder anunciou e visitou hai máis dun ano.