A principios de marzo de 2019, o Grupo Municipal Popular, pediu información ao Goberno Socialista encabezado polo señor Miñones, sobre o resultado do proceso de adxudicación directa de unidades de soterramento do Cemiterio Municipal. O novo proceso viña a substituír o anterior proceso, aberto a finais do verán de 2017, polo que saíron a concurso as unidades de soterramento, as cales foron adxudicadas ao que ofertase mellor prezo.
En relación con este proceso, iniciado en 2017, os Populares consideraron que o Tripartito encabezado polo Alcalde Miñones, realizara un nefasto plantexamento do proceso de licitación, polo que o 25 de agosto dese mesmo ano presentaron unha proposta para modificar o prego de condicións de adxudicación; proposta que foi desestimada. O resultado veu a dar a razón ao Partido Popular, pois, concluído o prazo de licitación, o número de unidades de soterramento adxudicadas presentou un paupérrimo porcentaxe sobre o total ofertado.
O Goberno Socialista tentou rectificar o erro inicial, e así, o pasado 17 de xaneiro deste mesmo ano, iniciou un segundo proceso de adxudicación. Nesta ocasión eliminouse o concurso público e optouse polo sistema de adxudicación directa por rigoroso orde de entrada das solicitudes dos interesados. Evidentemente, este novo sistema é máis áxil e directo; no obstante, a convocatoria non ía acompañada de ningunha medida incentivadora que fixera atractivo acudir a dita convocatoria.
Avanzado o 2019, o Grupo Municipal Popular, pediu información sobre o resultado da marcha deste proceso de adxudicación directa, e así ter coñecemento do número de solicitudes. O Goberno, lonxe de contestar ao solicitado, limitouse a manifestar que o proceso non estaba concluído.
Segundo se recolle nos Orzamentos Municipais do exercicio 2019, o Goberno Socialista esperaba obter, tras este novo proceso de adxudicación, un total de 50.000 euros. Unha cantidade superior aos 31.000 euros orzamentados como gastos de cemiterio e servizos funerarios. De cumprirse estas previsións e, sen ter en conta a amortización das inversións realizadas, o servizo sería, por primeira vez economicamente sostible. Un obxectivo que non se cumprirá á luz dos datos que arrolla o proceso de licitación.
Tal e como coñeceu o Grupo Municipal Popular, durante o período de presentación de solicitudes de adxudicación directa das unidades de soterramento, que concluíu o 30 de agosto, presentáronse 13 solicitudes, aínda que houbo tres renuncias, polo que as solicitudes definitivamente aprobadas foron 10.
Das dez adxudicacións aprobadas, en tres delas os adxudicatarios están pendentes de aboar o 50% restante da taxa de concesión, téndoo que ingresar no prazo de 6 meses. Do contrario quedarían excluídos da concesión.
Por último, é evidente que este segundo proceso volve a fracasar, incumpríndose cos obxectivos orzamentados polo Alcalde Miñones. Así o mostran os ingresos obtidos, que segundo as ofertas económicas presentadas, foron de 8.377,61 euros: un 16,76% do orzamentado.