Os Populares de Ames denuncian o “pasotismo” do goberno socialista, que leva un mes sen levar cabo actuacións para arranxar o campo de fútbol do Milladoiro
Durante o pasado mes de decembro do pasado ano, e como é habitual nesta época do ano, Galicia padeceu unha borrasca de choiva, pero sobre todo de vento, que afectaba a Ames e provocaba a caída do peche do campo de fútbol do Milladoiro. Aínda que se trata dun problema meteorolóxico, o deber do goberno socialista non é outro que tratar de levar a cabo actuacións para o seu arranxo o antes posible, coa finalidade de dispor do campo de fútbol nas súas óptimas condicións.
Pero como é habitual, o goberno socialista, non reaccionou a tempo e, un mes despois, non foi quen de arranxar o peche nin tan sequera hai coñecemento por parte dos usuarios de que se vaia levar a cabo ningunha actuación a curto prazo. Unha situación que está a provocar a saturación do campo do Bertamiráns, a onde se trasladaron os partidos; pero que tamén inflúe nos propios adestramentos que, por unha banda pasaron de dous días a tan só un e, por outra banda provocaron que os rapaces e rapazas só poidan empregar a parte non afectada do campo, limitando así o uso do campo na súa totalidade para realizar os adestramentos con total normalidade.
Pero para os Populares, o máis preocupante é a seguridade dos rapaces que empregan a diario o propio campo, posto que, como ben se pode apreciar nas fotografías achegadas, cabe o risco de que continúe caendo o resto do valado coa chegada doutro temporal, algo propio desta época do ano.
Xa por último, os concelleiros do Grupo Municipal Popular presentarán no vindeiro pleno, que terá lugar o xoves 30 de xaneiro unha pregunta oral na que tentarán obter unha resposta sobre a tardanza do goberno en tomar unha decisión para arranxar este problema. Unha pregunta que irá seguida dun rogo no que esixirán ao señor Miñones que non demore máis os prazos e que a actuación se leve a cabo á maior brevidade posible.
© Grupo Municipal Popular de Ames 2018 - Diseño web Chia na rede